Convocatoria de Día de Acción por Unha Banca Pública

MARZO 2012.

A Plataforma Polo Aforro Público, formada por colectivos e persoas de toda Galicia, profundamente preocupadas pola privatización das caixas e o comportamento absolutamente irresponsable do sector financeiro nesta crise, convoca para o vindeiro día 25 de Marzo un día de acción por unha Banca Pública en toda Galicia. A Plataforma polo Aforro Público naceu co obxectivo de reclamar, dende a organización cidadá e de base, unha xestión distinta da problemática financeira.


Consideramos que é preciso, para superar esta crise en positivo, e para o normal funcionamento democrático da nosa sociedade, unha banca pública que funcione de xeito ético e devolva á cidadanía o poder sobre os aspectos financeiros da economía. Só así poderemos ter un control democrático da economía, contribuíndo ao benestar colectivo.
Así mesmo, consideramos que a bancarización das caixas de aforro non é necesaria nin inevitable. Baixo argumentos supostamente técnicos, refutados por varios expertos críticos, acerca da necesidade de privatizar as caixas para salvalas, agóchase a vontade do capital financeiro de facerse co control do negocio bancario do país, mantendo a súa hexemonía e poder social nesta crise, causada polas súas malas prácticas na burbulla especulativa do ladrillo, e non polo traballo da xente da rúa.


Deste xeito, non só estáselle a dar regalado o capital das caixas aos bancos, senón que se está a crear un oligopolio no sistema financeiro galego e español, que vai provocar a exclusión financeira de gran parte da poboación, PEMES e familias. Isto, de feito, xa está a pasar, e o paro e a crise son consecuencia directa da seca de crédito por parte de institucións bancarias completamente irresponsábeis socialmente e politicamente impunes.


Por iso, para saír desta crise en positivo, con emprego e benestar social, precisamos dun sistema financeiro público e ao servizo da economía e a democracia. Precisamos dunha BANCA PÚBLICA. Axúdanos a conseguila e acude á manifestación do día 25!
A Plataforma Polo Aforro Público está constituída polos seguintes movementos cidadáns: Foro de Asembleas Galegas do 15M, ATTAC Xustiza Económica Global, Mesa pola converxencia e Democracia Real Xa.

Podes unirte a nós en:


Vigo: Manifestación ás 11:30 dende a Praza de España. Lectura do manifesto no cruce de Colón e García Barbón.

Santiago: Concentración ás 18 na Alameda, con charlas e talleres sobre o tema.

Pontevedra: Manifestación ás 18.30 dende Montero Ríos, cunha charla ó final do catedrático de economía Jose Luis Outes Ruso.

A Coruña: concentración ás 19:00, no Cantón grande- Obelisco.

Ourense: concentración de 19 a 21 horas na Rúa do Paseo, diante da sede de Novagalicia Banco.

Lugo: Concentración ás 18:30 na Praza Maior.

Ferrol: Concentración ás 11.30 na Praza de Armas.

www.aforropublico.wordpress.com

3 opinións sobre “Convocatoria de Día de Acción por Unha Banca Pública

  1. Pingback: Indígnate Pontevedra convoca na cidade a manifestación deste domingo contra os abusos da banca « ¡Indígnate Pontevedra!

Deixar un comentario