As novas acerca da mala xestión das caixas non deixan de saír, para vergoña duns cantos. Agora sabemos que o 30% da Obra Social das Caixas foi invertido en ladrillo, é dicir, en fomentar unha burbulla que ó estourar esnaquizou a economía, e que impedíu o desenrolo dun tecido productivo forte e innovador. Dato que hai que engadir a unha xestión escura e chea de dúbidas, que só agora comeza a ser denunciada.
Isto non é novo. Durante anos, as caixas foron convertidas pouco a pouco en entidades cada vez mais parecidas ós bancos nas súas prácticas e negocios, primando a especulación bursátil por riba da inversión productiva. A ideoloxía neoliberal que dominou a política neste país dende os 90, fomentada polos intereses da banca, fixo que políticos e xestores das caixas, salvo excepcións, fornecesen unha serie de cambios lexislativos e organizativos que supoñan unha primeira bancarización das caixas, centrada nas súas prácticas de negocio. De feito, seguindo nesta liña, e tal e como temos denunciado sen descanso, isto foi o inicio dunha ofensiva por privatizar as caixas, que culminou nesta crise, onde os mesmos políticos, banqueiros e paniaguados aproveitáronse dos problemas das caixas para vendernos que a única alternativa era bancarizalas por completo. Algo que non é certo, pero que como discurso servíu para convencer á cidadanía de que non había alternativa ó roubo das caixas polo capital privado.