O capital financeiro español aproveita as imposicións de Bruxelas para levar a cabo o seu programa

Nesta entrevista a Álvaro Rodríguez, membro de Attac Xustiza Económica Global e da PLataforma polo Aforro Público, fálase da bancarización das caixas como parte do programa político e económico do capital financieiro español, que aproveitou a crise para levalo a cabo. E tamén fálase de cómo os movementos sociais en Galicia, como esta plataforma, estánse a configurar como actores de seu na política local. Aproveitamos para recordarvos que en breve teremos convocatoria para as accións do día 25. ¡¡Por unha banca pública!!.———————————————————————————————————————

Attac Xustiza Económica Global erixiuse, dende o seu nacemento hai unha década, en referente dos movementos transformadores, achegando bases discursivas para a sensibilización e a formación de activistas e colectivos, sempre co obxectivo de xerar e impulsar espazos de converxencia. Tamén realizou campañas intensas e de longo percorrido, coma a que desenvolveu pola introdución duna taxa ás transaccións financeiras internacionais (a coñecida como Taxa Tobin), ou máis recentemente as iniciativas para loitar contra os paraísos fiscais. Ten estruturas autónomas en cada Estado, e en España organízase confederalmente.

Os grupos que actúan en Galicia, con máis forza en Vigo, A Coruña e Compostela, experimentaron un crecemento nos últimos tempos, por mor da crise sistémica, a actividade teórica e práctica de Attac en distintas plataformas e a popularidade, así mesmo, dalgúns dos seus referentes, como Vicenç Navarro ou Juan Torres. ATTAC XEG Galicia constituíuse, de feito, en xullo do pasado ano. Falamos con Álvaro Rodríguez, vigués e coordinador de Attac na cidade.

 O goberno de Rajoy está seguindo o guión previsto?

Si, eu creo que o goberno do PP non está a dar moitas sorpresas, agás estes pequenos brindes ao sol, co tema da dación en pagamento ou as subas do IRPF, que máis ben parece unha obriga polo obxectivo de reducir o déficit. O máis importantes é que estas imposicións que chegan dende Bruxelas e máis ben dende Alemaña van xustificar unha serie de medidas que a dereita e grupos empresariais estaban cobizando dende hai tempo. Comezando pola reforma laboral, pero tamén a reforma financeira, a absorción das caixas de aforros, que era un vello desexo da patronal bancaria. Vicenç Navarro di que hai que diferenciar entre o que son as imposicións de Bruxelas e o propio programa político do capital financeiro español, que aproveita esas imposicións para levar a cabo o seu programa.

Como se está a desenvolver, neste novo contexto, o proceso de reorganización e converxencia da esquerda?

Está avanzando e reorganizándose, é un proceso que leva o seu tempo. Por exemplo, non se pode esperar dun movemento coma o 15M que se configure como un movemento social importante, con masa crítica, nuns poucos meses. Aínda levará uns meses máis que se manifeste a súa forza. Pero o proceso está sendo rápido, se vemos as mareas cidadás polo ensino público, pola oposición á privatización da auga, a contestación que está habendo en Catalunya. Todos son mostras de que este proceso de reorganización das clases populares contra a hexemonía neoliberal está avanzando a bo ritmo e é moi esperanzador.

E en Galicia?

Tamén en Galicia. Por exemplo, en Vigo estase a crear unha plataforma para coordinar o traballo de todas as organizacións sociais, así coma outras plataformas sectoriais, coma a plataforma en defensa da sanidade pública, ou a plataforma polo aforro público, en defensa dunha banca pública.

Que cambiou nestes anos para que mudasen tamén as formas de organización e mobilización?

O que estamos a vivir agora é o desenvolvemento lóxico dos cambios nas loitas sociais. Até agora estivemos afeitos a que a loita social fose levados por uns cadro sindicais ou políticos, rodeados dunha masa máis ou menos grande de afiliados a esa organización. Pero dende hai anos isto está a mudar. Os partidos e sindicatos tradicionais están en crise porque non souberon ver o tamaño da ofensiva que se estaba a desenvolver contra os dereitos dos traballadores e continuaron cunha estratexia pactista que agora se demostra errada. A cidadanía tamén mudou e cada vez menos quere militar nun partido non que se obedece unha cúpula se moito espazo para a participación. A xente está comezando a repolitizarse e quere participar en espazos propios nos que o discurso se constrúe en comunidade. Este proceso foi acelerado pola crise; houbo un momento no que a crise provocou que o discurso neoliberal se enchese de fendas. Ese discurso dun mundo sen problemas, con traballo, con acceso á riqueza para todos…, quedou escindido e polas fendas comezaron a entrar novos discursos, que se estaban cociñando na base.

Es optimista?

Creo que debemos ser optimistas, porque vemos que os movementos sociais están medrando e se están reorganizando, tomando forza como actores políticos de seu. Sindicatos e partidos, dende agora, terán que telos en conta e traballar con eles en igualdade de condicións, en lugar de integralos e dirixilos. Pode que esteamos vivindo aquí un proceso semellante ao que aconteceu en Sudamérica, no que os movementos sociais foron quen de reconfigurar a práctica política.

Unha boa pedra de toque para isto pode ser a folga xeral do 29 de marzo, non si?

É difícil. Pola miña experiencia falando con sindicalistas vexo que os sindicalistas de rúa, as bases, teñen moito máis claro que hai que chegar a esa alianza, mentres que as cúpulas non están tanto nesa onda. Aínda que hai exemplos de colaboración entre sindicatos e organizacións sociais. Hai moita xente que a súa loita xa non pasa pola disciplina sindical, hai sectores con problemas que xa non encaixan nas estruturas tradicionais dos sindicatos. A folga xeral debe ser un éxito non só pola acción dos sindicatos, senón porque se comezan a dar pasos nesa alianza.

En que está centrando Attac as súas accións neste momento?

A nivel europeo Attac está traballando nunha declaración de “Seis principios para liberarse da dominación dos mercados financeiros”. Pedimos o control democrático das finanzas públicas, as entidades financeiras e demais actores financeiros privados deben asumir o seu parte de perdas, aumentar de forma coordinada a imposición fiscal sobre riqueza e beneficios empresariais e acabar coa evasión fiscal, pór punto final ás políticas de austeridade, reinstaurar e ampliar os servizos públicos e promover políticas industriais e outras políticas públicas que reduzan os desequilibrios da balanza comercial, avancen a transición ecolóxica das economías e expandan os dereitos sociais a escala europea. A nivel estatal estamos traballando contra a privatización dos servizos públicos, entre outras iniciativas. En Galicia, ademais, estamos a traballar moi intensamente na Plataforma Galega polo Aforro público, que foi unha iniciativa que partiu de Attac, apostando pola creación dun sistema financeiro público. Tamén hai asociados de Attac que traballan en temas de cooperativismo, comercio xusto, sanidade pública…

Como analizas a crise que están atravesando practicamente todas as forzas que se sitúan no campo da esquerda ou do centroesquerda?

A socialdemocracia adoptou os principios do socialiberalismo, asumindo que o capitalismo financeiro é a única forma de organizar a sociedade e que o único que se podía facer era xestionar as desigualdades sociais que crea ou centrarse na loita polos dereitos civís, coma o matrimonio homosexual ou as leis de memoria histórica, temas moi importantes pero que non afectan á estruturación do sistema. Pero vemos que este sistema vai en contra dos principios da socialdemocracia tal e como naceu e se a socialdemocracia quere sobrevivir terá que reformular a súa posición. E houbo tamén unha crise dos partidos tradicionais da esquerda marxista-leninista, non só pola caída do bloque socialista, senón que a propia sociedade mudou; as súas propostas de cambio de sistema non respostan ás inquedanzas de moitos cidadáns e cidadás, que queren xerar o seu propio discurso e as súas propias alternativas. Hai que analizar o sistema no que vivimos, traballar nunha proposta de cambio e facelo ademais dunha maneira aberta á sociedade, non podes ofrecerlle á cidadanía un programa político para que o tome ou o deixe, a cidadanía ten que elaborar ese programa. Porque se non o único que facemos é crear clubes de té autocompracentes, que discuten sobre o capitalismo e sobre o que hai que facer, pero que están desubicados con respecto ás preocupacións cotiás da xente. E estas organizacións deben realizar unha tarefa educativa moi importante: hai que explicarlle á xente o que pasa.

Que está pasando en Vigo? Hai unha situación económica terrible, unha forza social moi importante, que sempre parece que pode agromar. Ti, que coñeces ben a sociedade viguesa, como analizas a situación?

Vigo é unha cidade moi complexa, porque hai dinámicas moi diferentes. Está a dinámica sindical, que é das máis fortes a nivel estatal. Hai unha dinámica política, moi marcada sempre polos discursos superficiais e mesmo populistas. E hai moitas dinámicas sociais, que ás veces van cada unha polo seu lado. E despois están a maioría dos vigueses, que tratan de sobrevivir. En Vigo hai neste momento un intento real e sincero de chegar a unha converxencia de acción, un movemento que trata de coller forza para presionar e para forzar cambios reais na política viguesa. Pero é complicado, hai moita fragmentación de grupos políticos, pero estase a facer. E nas vindeiras semanas vaise crear e presentar publicamente esta plataforma. Esta maduración é lenta, leva meses, non sae nos medios de comunicación, pero en Vigo podemos ver os primeiros resultados deste proceso de maduración dos movementos sociais, do 15M e outros, e a súa converxencia con outras organizacións e o traballo conxunto en accións coma a folga xeral, para contribuír ao éxito da folga dende os movementos sociais.

One thought on “O capital financeiro español aproveita as imposicións de Bruxelas para levar a cabo o seu programa

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s